Sunday 19 de May de 2024

Arranque dos traballos de pavimentación do entorno de Cruceiro dos Remedios en Deán


A zona de actuación será pavimentada con granito

O Concello de Riveira informa dunha nova actuación consistente na pavimentación do entorno de Cruceiro dos Remedios, situado no barrio riveirense de Deán Pequeno.

A empresa Serdeco Contratas, S.L., é a encargada de executar esta obra, que está adscrita ao Plan de Obras e Servizos da Deputación e ten un orzamento de 54.709,64 euros. O prazo de execución son dous meses.

Actualmente, as rúas e accesos afectados dispoñen duns pavimentos antigos de aglomerado asfáltico e formigón, que ademais están bastante deteriorados polo continuo paso de vehículos e peóns. Por outra parte, o enclave no que se sitúa o Cruceiro propiamente dito está pavimentado con lousas de baldosa hidráulica bastante deterioradas polo continuo tránsito de visitantes.

O obxectivo que se persegue co proxecto que se vai poñer en execución é a mellora e humanización da zona empregando materiais tradicionais acordes co entorno. A este respecto, as rúas adxacentes ao propio Cruceiro serán pavimentadas con lousas de granito abuxardado, con dimensións de 60x40x8 centímetros, combinadas con adoquín de granito de 20x10x8 centímetros.

En canto á zona do Cruceiro en si, será pavimentada con lousas de granito de 60x40x4 centímetros.

Cortes ao tráfico
No transcurso das obras será preciso efectuar cortes ao tráfico rodado na zona de actuación, se ben en todo momento se permitirá o paso de vehículos aos residentes.